Páxinas

Buscar neste blog

mércores, 26 de novembro de 2014

EXPERIMENTANDO



EXPERIMENTANDO NA AULA:
DA SEMENTE Á FABA

En Naturais estamos a estudar as plantas: a súa clasificación, como se nutren e como se reproducen. Unha das formas de reproducirse é por sementes.
Na aula tiñamos fabas recollidas do noso horto escolar e pensamos que podía ser unha boa idea comprobar como xermolan as sementes.  Entón decidimos facer un experimento para observar directamente e comprobar o que iamos aprendendo.
Para levalo a cabo, precisamos: un prato, auga, sementes, lugar iluminado... Cando tivemos todo, puxémonos en acción.
  •  1º puxemos 6 fabas brancas, nun prato con auga, ao carón da ventá. Ao día seguinte, vimos como incharan e ían perdendo intensidade de branco.(foto 2)

Que pasaría se as quitaramos da auga agora? Volverían ao estado inicial? Ímolo comprobar.
  •  Retiramos 2 fabas da auga e deixamos as outras para ver que acontecía.
  •  Despois da fin de semana, comprobamos que as dúas fabas retiradas encolleran. Pola contra, as que seguiron na auga xa tiñan a pel rota e aparecían divididas en 2 partes. Do medio delas, saía coma un rabiño, a radícula, esa parte que se vai encargar de buscar auga e sales minerais no solo. (fotos 3-4)
  •  Pasados uns días, xa se ve a diferenza entre a raíz, que xa ten uns pelos absorbentes, e o talo, que se vai pondo de cor verde e aparecen as primeiras follas. (foto 5)
 







 Por que aparece esa cor verde na faba? Antes era branca.

Xa sabemos que as plantas teñen unhas células cuns orgánulos chamados cloroplastos que conteñen a clorofila, esa substancia de cor verde tan necesaria para que as plantas poidan realizar a fotosíntese.

  • Días despois, dúas fabas lógranse e o resto vai podrecendo. (foto 6)
Que pasaría se poñemos unha delas en terra? Terán o mesmo crecemento?
Ímolo comprobar. Unha puxémola en terra e a outra deixámola na auga para observar o crecemento en condicións diferentes.
  •  Pasado case un mes do experimento, a planta que está na terra medra rápido mentres que a que quedou na auga, ten un crecemento máis lento. As dúas teñen as mesmas condicións agás o medio. (fotos 7-8)

A que está na terra, sería o momento de probar a transplantala no horto pero estamos en inverno. Así que quedará na aula pero haberá que poñela nunha maceta máis grande e tamén buscar un pau titor para aguantala. Non esquezamos que é unha planta gaveadora.
Ata aquí chegou o noso experimento. Foi unha boa observación porque puxemos en práctica o que iamos aprendendo e agora contámolo aquí por se fora do voso interese.





Aula Barouta, 17 de novembro de 2014