Páxinas

Buscar neste blog

venres, 29 de setembro de 2017

UN NOVO RETO

Ola chicxs! quero que saibades que me encantou estar con vós o pasado martes. Espero que a vós tamén. E como algúns me preguntastes pola miña viaxe, aquí vos deixo un reto por se vos apetece... 

BUDAPEST???

Onde está esta cidade? Terá mar ou será un río?
En que continente a situamos? É unha capital ou é un estado? Que idioma falan? Cal é a súa moeda?...

Vaia, poden ser máis pero estas foron preguntas que me xurdiron por se vos apetece indagar?

Déixovos unhas fotos a ver se adiviñades de que se trata. Esta finde podedes praticar. 


Moito éxito!
Aula Barouta

domingo, 10 de setembro de 2017

UN NOVO CURSO, UN NOVO RETO



O VERÁN REMATOU E TOCA VOLVER. ESTE ANO É MOI IMPORTANTE, XA QUE É O DERRADEIRO EN BAROUTA. APROVEITÁDEO BEN!
Feliz comezo!
Unha aperta para cada un de vós cos mellores desexos!
Tere

xoves, 31 de agosto de 2017

A XEITO DE DESPEDIDA

Hoxe rematan as miñas vacacións, como para a maioría do profesorado. A diferenza é que mañá será o primeiro día da miña xubilación. Estou tranquila e emocionada ao mesmo tempo. Teño moitos proxectos na cabeza pero preciso un tempo para inicialos con calma. De momento deixo aquí un pequeno relato que me parecía importante contar. 
Grazas a todos e todas por estes anos compartidos!




Aula Barouta

venres, 30 de xuño de 2017

SEGUIMOS COA DESPEDIDA

RECOÑECEMENTOS A PABLO
Quedamos tan impactados co tema dos drons que fixemos este libriño para ti, Pablo. Sabemos que che vai gustar.














DESPEDIDA DO CURSO 
O PASADO VENRES, 23 DE XUÑO, REMATAMOS 5º E ISTO FOI O QUE FIXEMOS PARA PECHAR, UN MANDALA COAS NOSAS LEMBRANZAS.


Aula Barouta

martes, 27 de xuño de 2017

ADEUS

O PASADO 23 DE XUÑO, DESPEDIMOS 5º DE PRIMARIA E A TERE. FOI UN DÍA EMOTIVO PERO ANTES DE CONTALO QUERO QUE VEXADES AS DERRADEIRAS ACTIVIDADES QUE ORGANIZAMOS. SON UN FEIXE DELAS E AQUÍ VAI UNHA MOSTRA.


"Adeus quinto de primaria" de 2TERE

Espero que vos guste!
Aula Barouta

venres, 23 de xuño de 2017

ISTO REMATA

XA PASOU CASE UN ANO DESDE QUE COMEZAMOS ALÓ NO MES DE SETEMBRO. XA SABIAMOS QUE ISTO REMATABA E AGORA CHEGOU O MOMENTO. ESTAMOS PREPARADOS PARA DESPEDILO, A QUE SI?

Hoxe, para celebralo, fomos a Tapia. Xa temos ido moitas veces pero andando xuntos desde o cole, era a primeira vez para este grupo. Foi emocionante! Sobre todo o remate: un baño en toda regra no Tambre. 
A auga estaba algo fresca ao principio pero non importou. Quen máis quen menos acabou mollado e gozando do ambiente.
Aí van unhas imaxes que o confirman.



Espero que vos gusten!
Aula Barouta

mércores, 21 de xuño de 2017

UNHA SAÍDA MOI FORESTAL

O ALUMNADO DE 5º E 6º DE BAROUTA VISITAMOS LOURIZÁN, A ESCOLA DE ENXEÑARÍA FORESTAL EN PONTEVEDRA E A LAGOA CASTIÑEIRAS

Pois si que foi unha saída produtiva e ben aproveitada. Tiñamos previsto o de Lourizán e o de Cotorredondo pero o de visitar unha escola da Universidade de Vigo... foi unha sorpresa. É algo que lle temos que agradecer a Juan Picos, profesor nesta escola e pai do noso compañeiro Miguel.
Que sorte poder contar coa súa guía, que importantes nos sentimos. E logo ademais díxonos dun lugar ben bonito para xantar: a "Illa das esculturas", ao pé do río Lerez.
Aí van unhas imaxes pero xa poremos máis. Graciñas Juan, pola túa dedicación.


Pazo de Lourizán

Amosando un batelumes, nun dos laboratorios da universidade.


Ao final,agasallounos cunha caixa niño para o cole. Para o ano que vén colocarémola no noso patio.

Unha das mámoas que hai en Cotorredondo.
E, por hoxe nada máis. Temos máis fotos pero estamos a preparar un álbum con imaxes das últimas saídas do trimestre. Xa veredes que mogollón!
Aula Barouta


domingo, 11 de xuño de 2017

PABLO GARALOCES EN BAROUTA

SABEDES QUE É UN DRONE? CANTOS TIPOS DIFERENTES HAI? COMO E ONDE SE PODEN VOAR? QUE BENEFICIOS NOS APORTAN?... ESTAS E OUTRAS MOITAS PREGUNTAS CONTESTOUNAS PABLO NO NOSO COLEXIO.
Resulta que o pasado xoves día 8, tivemos unha clase ben especial. Pablo é o papá de Martina, a nosa compañeira, e ten unha produtora audiovisual; pero o mellor de todo é que sabe un montón de drons. Trouxo tres ao colexio e fíxonos unha demostración no patio que quedamos pampos. Ademais fíxonos un vídeo e un montón de fotos que nos van quedar para o recordo. Aquí vai unha mostra.



E agora unha das imaxes que nos fixo Pablo a todo o Centro... a que quedou fantástica?


Aula Barouta

mércores, 31 de maio de 2017

ANA MIRANDA EN BAROUTA

A EURODEPUTADA ANA MIRANDA COMPARTINDO CON NÓS A SÚA EXPERIENCIA CON PERSOAS REFUXIADAS
O pasado venres, 19 de maio, tivemos unha visita especial no noso cole. Veu Ana Miranda, unha eurodeputada galega, para falarnos dos refuxiados, axudarnos a entender algo máis a  vida nos campamentos e, mesmo, vivenciar como sería unha travesía nunha barcaza.


Aula Barouta

domingo, 28 de maio de 2017

ESPALLANDO POEMAS POLA CONTORNA

UNHA PROPOSTA DA EQUIPA DE NORMALIZACIÓN DO CONCELLO DE AMES NA QUE PARTICIPAMOS COMO CENTRO


Cada aula escolleu un poema para escribilo nunha prenda.
Nós escollemos este de Antonio G. Teijeiro que nos gustou moito. 

Logo, o pasado martes, foron tendelos ao "monte escolar", á beira do camiño de Fisterra. 



Aquí chegaban os primeiros visitantes...
Aula Barouta

luns, 22 de maio de 2017

DE EXCURSIÓN A PONTEVEDRA

VISITA A LOURIZÁN E MÁIS O PARQUE DE COTORREDONDO E LAGOA CASTIÑEIRAS

Hoxe estamos fóra todo o día. Imos de excursión co Concello de Ames. Acompáñanos Patricia nesta saída. Temos moitas ganas, pois estivemos vendo imaxes e estamos certos de que nos vai encantar. Se queredes saber algo destes lugares, aquí tendes uns enlaces. 
Nós habemos sacar fotos e xa vos contaremos a nosa experiencia.
Feliz xornada!
Aula Barouta

domingo, 21 de maio de 2017

NOVAS DO HORTO

RECOLLENDO OS PRIMEIROS FROITOS: CHÍCHAROS MARABILLOSOS

A semana pasada, recollemos os primeiros chícharos e nesta conseguimos outros poucos. Así puidemos probalos. Desta vez, tocoulles á rapazada de primeiro. Creo que estaban moi bos pois non quedou nada, só o cheiro polo corredor.
Haberá máis, non vos preocupedes!


Eugeny e Bruno axudaron a trasplantar a glicinia. Oxalá lle guste o novo emprazamento!
Aula Barouta


venres, 19 de maio de 2017

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS

COÑECENDO A CARLOS CASARES

Estes días estivemos lendo e aprendendo sobre Carlos Casares. Sabemos un pouco máis da súa vida e coñecemos algunha das súas historias. 
          

Hoxe, 18 de maio, no colexio tivemos unha sorpresa: un grupo de profes representaron "A galiña azul". Un bonito xeito de celebrar a festa da lingua. 
Grazas, Casares por ese texto tan sinxelo e tan marabilloso.
Lourenza coa súa galiña azul. Detrás, Manolita Listona, a alcaldesa.

Declaracións da alcaldesa no telexornal.

Ao remate, solucionouse o conflito???
MIL PRIMAVERAS MÁIS PARA A NOSA LINGUA!
Aula Barouta

mércores, 10 de maio de 2017

NOVAS DO NOSO HORTO

PEMENTOS DE PADRÓN PERO CON DENOMINACIÓN ESPECIAL!

A semana pasada tivemos un agasallo para o noso horto: dúas plantas de "pemento celta" ecolóxico. O papá de Miguel foi o que nolas enviou. Xa sabe dos nosos gustos!!! 

Pero tamén nos visitou Elvira, a mamá de Antía, e tróuxonos phisalis. Que ricos! Pronto medrarán os nosos tamén.

                                               Moitas grazas polos agasallos.




Que gusto dá recoller os primeiros froitos.

Aula Barouta