A seguir, vai un artigo de Víctor F. Freixanes, escritor e editor galego, residente en Ames (se pulsas podes ver imaxes dese día) e que estivo no acto de Rosalía. Este artigo foi publicado na Voz de Galicia o pasado 1 de marzo. Agardo que sexa do voso interese.
"vento nas velas"
Con Rosalía de Castro na Maía
Hoxe vai optimista.
Era un vento de alegría: un paporroibo no peito, coma quen; peifoque,
din por estas terras. Catro xeracións no escenario arredor dos versos de
Rosalía o pasado 24 de febreiro. Primeiro os meniños e as meniñas dos
colexios infantís do Milladoiro, que daba xenio velos, recitando a coro
os versos aqueles de «as de cantar que ch?ei de dar zonchos; as de
cantar que ch?ei de dar moitos». Escolanía de merlos, diría o poeta Rey
Romero.
Logo, as mociñas e mociños de ensino
primario, secundario e bacharelato dos colexios da Barouta, Ventín, Agro
do Muíño, institutos de Milladoiro e Bertamiráns, todos do concello de
Ames. De seguido (e especialmente emocionante) unha representación da
xente que vén a nós dende outras terras: León, Euskadi, Venezuela? E
para rematar, a voz do Clube de Xubilados, antes de dar paso ás cancións
de Amancio Prada. Festa rachada. De cando en vez hai que ver as cousas
destoutra maneira.
Certo que a situación é difícil.
Certo que a lingua vive momentos atravesados, ameazada por cambios que
afectan mesmo á nosa identidade como pobo (a nación dos galegos). Certo
que esas mudanzas nalgúns casos son de carácter estrutural e están
relacionadas con transformacións de dimensión case que planetaria
(tecnolóxicas, económicas, políticas, psicolóxicas, sociais).
Certo que en moitos casos estas
mudanzas poderían e deberían ser corrixidas, reconducidas ou aliviadas
por accións de administración e goberno que botamos de falta. Pero ás
veces entra un vento de alegría pola fiestra.
Hai algunhas semanas os académicos da
RAG fomos agasallados en terras de Bergantiños polos amigos da
Fundación Eduardo Pondal, nun acto de homenaxe ou lembranza ao cantor
dos Pinos; e tamén alí un rebuldeiro coro de rapaciños e rapaciñas,
bastantes deles por debaixo dos dez anos, cantáronnos os versos do
poeta: «Eu nacín cabo de pinal espeso,/ eu nacín na pequena Ponteceso?»,
que era a súa vila, a terra dos pequechos, a súa pequena patria, e alí
estaban, animados polos seus mestres, algún deles aterecido de frío na
mañá inverniza de febreiro, guindando globos de festa, engruñadiños nas
súas bufandas, coas fazulas coloradas e cantando na lingua dos seus (de
todos nós), «onde o Anllóns con nobre maxestade/ camiña ao seu destino
derradeiro?».
De cando en vez, repito, cómpre
deixarse levar por este pulo de enerxía que respira ao noso arredor e
que, nos traballos do cotián, non sempre vemos, ou non nos decatamos de
que existe, malia atrancos e contradicións.
Os meniños e as meniñas de Ponteceso e
do Milladoiro, estes últimos no corazón da Maía, memoria primeira de
Rosalía, eran o alento da esperanza.
E os seus profesores e profesoras,
que estaban detrás, xunto coas familias, poñendo as achegas extras dun
traballo que non se paga con diñeiro, pois nace ou se alimenta da
ilusión compartida, ou do convencemento de que a realidade existe porque
a conquistamos todos os días, eles, os mestres, digo, ¡benzóns para
todos eles!, seguen sendo o músculo impagable que move a máquina.
Víctor F. Freixanes