Páxinas

Buscar neste blog

xoves, 30 de maio de 2013

ONTE FOI UN DÍA BEN DURO PERO HOXE...

                                                                   ESTAMOS FELICES!!!

FELICES PORQUE FINALMENTE MINCHIÑAS PARECE RESISTIR

 

Onte foi un día difícil pois houbo que retirar algúns poliños que non resistiron e, mesmo axudar a nacer a outros que o estaban tendo complicado. Dous deles fóronse recuperando pero estiveron separados dos outros que xa se moven con moita soltura.

Xusto ás 2, cando rematamos a clase, naceu Minchiñas, a segunda quica. Que peniña daba! Levoulle un montón soltarse da cáscara. Jessica e eu estivemos moi pendentes. Estaba totalmente deshidratada. Puxémoslle auga na incubadora e bebía sen parar. Xa pola tarde, metémolo nunha caixiña pequeniña a el soíño, con auga e comida e moi pegadiño ao radiador. Por momentos parecía que revivía...

Como era mércores, e temos actividades pola tarde, recibimos un montón de visitas na aula: mamás, amizades, tías... Todo o mundo coincidía en que os dous pitiños que naceran de mañá ían ben pero... Minchiñas (hoxe bautizámolo así porque é moi pequeniño) estaba feble. 

Os outros 5 xa se entendían ben e quedaron na mesma caixa. O outro pasou a noite el soíño.

Mais... hoxe cando chegamos, todos andabamos preocupados polo que pasaría... E houbo sorte! Todos estaban estupendamente. Agora, Minchiñas xa está na caixa cos maiores e parece que se vai integrando, buscando a caloriña dos irmáns e escapando deles tamén... Ha, ha! 

Xa temos unha gran familia!!!!!!!!!!!!!!!

 


 

mércores, 29 de maio de 2013

ONTE FOI MATEO...
               POLA TARDE VEU PINTIÑAS...
                               E HOXE ESTABA ALBA NA INCUBADORA!

A estas horas ben seguro que xa estades informados do acontecemento. Foi unha xornada chea de barullo:
os pitos a piar, a rapazada a mirar e mirar sen poder pensar en outra cousa... e eu, a profe, algo nerviosa por momentos. Con todo vivimos momentos fermosos. Temos moita emoción. Seguro que imos aprender moito.
Aquí van unhas fotos da familia. E mañá ... seguiremos!

A que se ven moi ben!!!!!!!!!!

luns, 27 de maio de 2013


UNHA SORPRESA BEN GRANDE NOS AGARDABA HOXE NA ESCOLA:

NACEU MATEO, O NOSO PRIMEIRO PITIÑO

QUE EMOCIÓN! QUE ALEGRÍA! QUE BONITO! QUE GRANDE! ... 
                                                                FORON ALGUNHAS DAS PRIMEIRAS IMPRESIÓNS.

Hoxe para nós é un día especial e cheo de emoción. Cando chegamos á aula, tiñamos un pitiño na incubadora. Estaba encollidiño no medio dos outros ovos. Observámolo un bo anaco e enchémonos de alegría. Viñeron os das outras aulas para velo. Que éxito!
Mentres Emilia, a nosa conserxe, foi na busca de alimento, nós preparamos unha caixa de cartón con papel xornal e puxémola á beira do radiador para que teña calor.
Cando o sacamos tremía: terá medo? terá fame? terá frío? terá sede? Colocámolo na casiña e xa come pero non deixa de piar. Fáltanlle os amigos. Mañá máis sorpresas pois hai outros ovos que xa están escachando.
Somos coma as parteiras e parteiros que axudan a nacer!
Sacamos un montón de fotos que iremos pondo. 
Aquí vai unha mostra.
Chao, chao!

Así o atopamos pola maña. A que mola!

























Con moito coidado,quitámolo da incubadora para levalo ao novo fogar.
Xa está na nova casiña. Ten auga, comida e caloriña. A medrar!

domingo, 26 de maio de 2013

A viraxe da incubadora xa está desconectada!
Acabo de falar con Mari, a persoa que nola veu desconectar onte. Todo está normal. 
Agora xa só queda agardar ata martes! Ui, que emoción!
Ata mañá!

venres, 24 de maio de 2013

FALTAN 4 DÍAS!
 O vindeiro martes, 28 de maio, tócalles nacer aos pitiños. Mañá sábado hai que desenchufar o volteo da incubadora pero non estamos...
Menos mal que Mari, a muller que limpa a nosa aula, prestouse voluntaria a vir ao colexio a desenchufala. Que sorte para nós! Grazas, Mari!!!!!!!!!!!!!!!!!
Oxalá teñamos sorte e nazan os 21...
Logo coidarémolos e despois decidiremos que facer con eles...
Mandade enerxía!!!!!!!!!
Unha apreta colectiva

xoves, 23 de maio de 2013

 UNHA VIAXE MOI ILUSTRADA

OBRADOIRO DE ILUSTRACIÓN CON PABLO OTERO

O pasado martes, 14 de maio, fomos de excursión a Santiago a un obradoiro de ilustración na galería Sargadelos. Saímos ás 10:30 do colexio no autobús que nos deixou diante do instituto Rosalía de Castro. Desde alí fomos andando pola Porta Faxeira ata a Praza do Toural onde nos paramos para contemplar a figura de Atlas no Pazo de Bendaña. Xusto alí tropezamos coa rapazada dos IES que participaban no Correlingua. Vaia, un montón de xente que case tivemos medo de nos perder.
Xa en  Sargadelos, recibiunos Pablo Otero, un ilustrador que traballa con Kalandraka e que nos ensinou as súas artes de ilustración. Unha das cousas que nos amosou foi a debuxar coma en capas que se comunican: mediante unha porta que se abre, unha escaleira que baixa ao soto, ou ben un ascensor que nos leva ao máis alto, un tobogán que nos desliza a toda potencia ... Tamén nos ensinou a debuxar coma se foramos paxaros que miran desde arriba, poñendo unha liña que logo se pode converter en algo e outros xeitos diferentes.
Logo propúxonos que fixeramos un debuxo calquera en cartolinas de cores coa finalidade de construir un mural enorme, disparatado seguramente, con todos os debuxos de todos os nenos e nenas que veñan a este obradoiro. Pareceunos unha idea xenial. Deixámoslle un correo electrónico para que nos envie a foto cando estea montado o mosaico. Xa a poñeremos aquí para que poidades gozar coma nós.
Foi moi interesante este obradoiro. Grazas, Pablo, por estar con nós!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!
Á saída, fomos ao parque da Ferradura e xogamos un montón.
Ata outro día!!! Vémonos.
O grupo de terceiro.
Canta emoción! colaborar no mural xigante!!!!!!!!!!!!!

Pablo, comezou por un cadrado e rematou ... que ves?

Practicando o debuxo transparente, por capas. Que artistas!!!!!!!


martes, 14 de maio de 2013

FIXEMOS UN BISCOITO COS OVOS SOBRANTES

Para facer este biscoito precisamos:
(Cando estabamos facendo a masa veu a profe de inglés e aproveitamos para aprendermos ese vocabulario)
       ingredientes                                ingredients
  • 1 iogur                                        one  yoghurt
  • 1 vaso aceite                              oil
  • 2 vasos azucre                           sugar
  • 3 vasos fariña                             flour
  • 1 sobre levadura                         yeast
  • 3 ou 4 ovos                                thre or four eggs  
  • 1 limón raiado                             one lemon
  • 1 mazá                                        one apple                       
Como fixemos:
Mesturamos todos os ingredientes nun cacharro, agás a mazá. Pódese bater á man pero nós usamos o batedor ata obter unha masa lixeira. A continuación, pelamos a mazá, cortámola en cachos e engadímola na masa.
Deitamos todo nun molde. Por riba botamos algo de azucre e unhas pingas de limón.
Metémolo no forno, que xa estaba quente. Primeiro a temperatura alta (200º) pero logo baixámola a 160º para que se fora cocendo por dentro.
Foi moi divertido practicar con el e ver como se ía mesturando todo. Quedou riquísimo!!!!!!!!!
Foi unha boa experiencia!!!!!!!!!!








domingo, 12 de maio de 2013

HISTORIA DA LINGUA GALEGA
Aquí van unhas fotos das que prometemos o outro día.

1 º OBSERVAMOS OS OVOS. DE MAIOR A MENOR: OCA, GALIÑA, PATO E FAISÁN        


2º PESAMOS OS OVOS

ANOTAMOS OS GRAMOS QUE PESABA CADA OVO
TODOS COLOCADOS NA INCUBADORA XUSTO ANTES DE ENCHUFALA. DESEXAMOS QUE HAXA SORTE!


mércores, 8 de maio de 2013

XA ESTÁN OS OVOS NA INCUBADORA!
O martes, 7 de maio, puxemos a funcionar a incubadora e imos contar como o fixemos.
Trouxemos das nosas casas ovos galeados. Había ovos de galiña, de quica, de pato de río e pato mudo, de oca e de faisán.
Primeiro observámolos. Que curioso!  O de oca era enorme; os de faisán e os de quica, pequenos;  o de pato de río, tiña a casca azulada e os de galiña eran todos morenos. Pesámolos e anotamos os datos nunha libreta.
Logo tocou preparar a incubadora. Botamos auga nas canles (para que teñan humidade), colocamos a reixa e logo os ovos en ringleiras separados por unhas baldas. Couberon 21 (impar para ter boa sorte) pero non puidemos meter o de oca porque era moi grande. Mágoa, quedará para outra vez!
Todo o colexio anda pendente do que estamos a facer; por iso, antes de pechar, convidamos ás outras clases a que viñeran a velo.
Agora, xa está o proceso en marcha. Toca esperar 21 días, coas súas noites, para ver se o noso plan funciona. Como está na nosa clase, iremos observando e contando o que pasa. 
Ata pronto! Poremos fotos.

luns, 6 de maio de 2013

ESTAMOS EMOCIONADOS!!

Hoxe iniciamos un blog e poñémonos nerviosos.
Andamos organizando para chocar ovos na clase. Temos unha incubadora e mañá traeremos os ovos xa galeados. Contamos con ovos de galiña, faisán, oca, quica e pato.
Iremos contando como vai o proceso.