Páxinas

Buscar neste blog

venres, 21 de febreiro de 2014

DÍA DE ROSALÍA
O 24 de febreiro celébrase o día de Rosalía e por iso, na nosa clase, preparamos un poema, "Alborada" de Cantares Gallegos. Sabémolo case todo de memoria pero 6 compañeiros van o domingo a recitalo nun acto público na Casa da Cultura de Bertamiráns. Será ás 19:00 e estades todos e todas convidados. Ensaiamos un montón e estamos super nerviosos. -Xa poñeremos as fotos.
 
ALBORADA
                              Rosalía de Castro. Cantares Gallegos
                 
I

Vaite noite,

vai fuxindo.

Vente, aurora

vente abrindo,

co teu rostro

que, sorrindo,

a sombra espanta!!!



Canta,

paxariño, canta

de ponliña en ponla,

que o sol se levanta

polo monte verde,

polo verde monte,

alegrando as herbas,

alegrando as fontes!...



Canta, paxariño alegre,

canta!

Canta porque o millo medre,

canta!.

Canta porque a luz te escoite,

canta!

Canta que fuxéu a noite.



Noite escura

logo vén,

e moito dura

co seu manto

de tristura,

con meigallos

e temores,

agoreira

de dolores,

agarimo

de pesares,

cubridora

en todo mal,

Sal!...



Que a auroriña

o ceo colora

cuns arbores

que namora,

cun sembrante

de ouro e prata

teñidiño

de escarlata.



Cuns vestidos

de diamante

que lle borda

o sol amante

antre as ondas

de cristal.



Sal!,

señora en todo mal,

que o sol

xa brila

nas cunchiñas do areal;

que a luz

do día

viste a terra de alegría,

que o sol

derrete con amor a escarcha fría.






II

Branca aurora

ven chegando,

i ás portiñas

vai chamando

dos que dormen

esperando

o teu folgor!...



Cor...

de alba hermosa

lles estende

nos vidriños

cariñosa,

donde o sol

tamén suspende,

cando aló

no mar se tende,

de fogax

larada viva,

dempóis leve,

fuxitiva,

triste, vago

resprandor.



Cantor

dos aires,

paxariño alegre,

canta,

canta porque o millo medre;



cantor

da aurora,

alegre namorado,

ás meniñas dille

que xa sal o sol dourado;

que o gaiteiro,

ben lavado,

ben vestido,

ben peitado,

da gaitiña

acompañado

á porta está...!

Xa...!



Se espricando

que te esprica,

repinica,

repinica

na alborada

 ben amada

das meniñas

cantadeiras,

bailadoras,

rebuldeiras;

das velliñas

alegriñas,

das que saben

ben ruar.



Arriba

todas, rapaciñas do lugar!

que o sol

i a aurora xa vos vén a dispertar!

Arriba!

Arriba, toleirona mocidad,

que atruxaremos

cantaremos o ala... lá...!!!



Ningún comentario:

Publicar un comentario